CERTAME DE CURTAMETRAXES “CURTAS PARA ROSALÍA”

BASES DO CERTAME

(Pode descargar desde aquí as bases e a ficha de inscrición)

1º ORGANIZACIÓN

O Certame de curtametraxes “Curtas para Rosalía” é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (www.as-pg.com). Con tal motivo a AS-PG designará unha Comisión Organizadora encargada de recepcionar as obras, avaliar a súa adecuación ás bases do certame e organizar as galas de entrega de premios e de promoción do certame, se for o caso, e de resolver e decidir sobre calquera outro aspecto non previsto nas presentes bases. Así mesmo, a AS-PG designará un Xurado que estará formado por persoas relevantes do mundo da cultura galega e do audiovisual. Tanto a composición da Comisión Organizadora como a do Xurado faranse públicos no enderezo web : http://bitaculas.as-pg.gal/wp-content/roller/literaria/  na entrada Curtas para Rosalía. Nin os membros do xurado nin da Comisión organizadora poderán participar no Certame.

2º TEMÁTICA

O motivo central destas curtas é a figura de Rosalía de Castro. Polo tanto  aquelas  persoas que queiran presentar obras a este certame deberán ter en conta que a temática  xeral  ha de ser a  persoa  de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento  que  destaque  a  súa  vida,  traballo ou  calquera  outro  punto  de  interese  da escritora como tal ou do seu contorno.

3º NORMAS DE PARTICIPACIÓN

1.    Poderán optar aos premios os traballos rodados en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros)
2.    As obras presentadas terán que ser enviadas en soporte vídeo dixital (DVD) antes das 14 horas do día 16 de xuño de 2010 ao enderezo postal que figura no apartado 4 destas bases, acompañadas da documentación que neste mesmo apartado 4 se solicita.
3.    A duración non excederá en ningún caso os 20 minutos, créditos incluídos.    
4.    O idioma das obras presentadas será o    Galego.  A incorporación dos textos de Rosalía poderase facer no idioma en que foron redixidos.
5.    Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.
6.    As  obras presentadas deberán ir acompañadas da súa correspondente ficha de inscrición (anexo 1), xunto co fotocopia de DNI da persoa de representación da curtametraxe e fotocopia de DNI do realizador ou realizadora  ou director ou directora da obra.
7.    No web da AS-PG, concretamente no espazo: http://bitaculas.as-pg.gal/wp-content/roller/literaria/ serán publicados os títulos e a ficha técnica das curtas admitidas a concurso.  Así mesmo, serán publicadas as obras finalistas en cada categoría. As obras admitidas poderán ser emitidas naqueles actos  organizados para a promoción do festival,  sempre sen  ánimo  de  lucro.  As curtas gañadoras serán proxectadas na Gala de Entrega de Premios.  As datas de cada un destes actos serán publicadas antes do mes de xullo de 2010 e os autores serán informados.
8.    O xurado proporá tres obras finalistas en cada categoría e entre estas tres estará a gañadora. As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala de entrega de premios. Nesta gala é obrigada a presenza dalgún dos membros das curtas finalistas en representación das obras. A non presentación será motivo da perda do importe económico do premio (no caso de a obra finalista resultar premiada), mais non do premio en si.
10. Responsabilidades legais. O concursante será o único responsable da súa curtametraxe.  A organización do festival declina toda a responsabilidade da curta e o seu contido sobre a/o participante.
11. O material enviado ao inscribirse non será devolto.

4º INSCRICIÓN

A inscrición será realizada polo director, directora, produtor, produtora ou calquera membro responsábel da obra que pretenda concursar e constará de dúas fases:
1.- Na primeira fase o director/a, produtor/a ou calquera membro responsábel da obra, enviará un correo electrónico informacion@as-pg.com no que constará nome e apelidos e unha forma de contacto, preferibelmente correo electrónico, e manifestará a intención de participar no certame. Esta preinscrición, que é gratuíta,  haberá de se facer antes do 30 de marzo e ten como finalidade poder comunicar calquera modificación, ampliación ou variación dalgún dos conceptos que aparecen nestas bases, tal e como se recolle na base 7.

2.- Na inscrición definitiva, até as 14 horas do día 16 de xuño de 2010,  os participantes deberán enviar a seguinte documentación:

  •    DVD (Pal; 4/3 ou 16/9) con copia do filme ou filmes que optan ao certame.
  •   Ficha de inscrición (Anexo I) con todos os campos cubertos. No caso de presentar máis dunha obra deberá enviar tantas fichas como obras.
  •   Fotocopia do DNI da persoa que representa a obra
  •    Fotocopia do DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra

Os traballos deberán enviarse ou presentarse na seguinte dirección:

Asociación Socio­Pedagóxica Galega
“Certame Curtas para Rosalía” Rúa Laracha, 9 ­baixo
15.010 A Coruña

Os gastos de envío das obras presentadas correrán a cargo dos participantes.

5º. XURADO

A AS-PG, como entidade organizadora deste evento, nomeará un xurado encargado de valorar as obras. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual. No seu momento publicarase na páxina web da organización a relación de membros do xurado. O ditame do xurado será inapelábel

6º PREMIOS

A organización do certame Curtas para Rosalía establece dous premios:
1.- Un premio de 2000€ á mellor curtametraxe + Diploma.
2. Un premio de 1000 €  + Diploma ás obras cuxos realizadores/as ou directores/as sexan menores de 30 anos a día 16 de xuño de 2010.
Os premios serán entregados na Gala de Clausura. As datas e a lugar da entrega de premios serán publicadas pola Organización na web da as-pg.

7º RESPONSABILIDADE

A participación neste certame supón a aceptación plena destas bases por parte de cada participante. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á Organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.

A Coruña, 5 de febreiro de 2010

Comments are closed.