Amigos Vellos

 Cando antre as naves tristes e frías
de alto mural,
cal elas fría, cal elas triste,
ó ser da tarde vou a rezar,
¡que pensamentos loucos e estraños
á miña mente veñen e van!

Xordo silencio que eu xa conozo,
que é meu amigo de anos atrás,
pero que é cheo de outras lembranzas,
pero onde o esprito parez que escoita
eco mortal,
reina nos ámbitos da gran basílica,
con misteriosa serenidad.

Incertas sombras, raios tembrosos,
cabo do altar,
pousan, vaguean, foxen i agrándanse
de adiante atrás.
I o Santo Apóstol, sempre sentado
no seu sitial
de prata e ouro, contempra inmóbil
con ollos fixos canto alí está.
Quen fora pedra, quen fora santo
dos que alí hai;
coma San Pedro, nas mans as chaves;
co dedo en alto como San Xoan,
unhas tras outras xeneracioes
vira pasar,
sin medo á vida, que dá tormentos;
sin medo á morte, que espanto dá.

Logo se acaba da vida a triste
pelerinax.
Os homes pasan, tal como pasa
nube de vran.
I as pedras quedan... e cando eu morra,
ti, Catredal,
ti, parda mole, pesada e triste,
¡cando eu non sea, ti inda serás!

Comments are closed.