Lúa descolorida
como cor de ouro pálido,
vesme i eu non quixera
me vises de tan alto.
Ó espazo que recorres
lévame, caladiña, nun teu raio.
Astro das almas orfas,
lúa descolorida,
eu ben sei que n’alumas
tristeza cal a miña.
Vai contallo ó teu dono
e dille que me leve a donde habita.
Mais non lle contes nada,
descolorida lúa,
pois nin neste nin noutros
mundos terei fertuna.
Se sabes onde a morte
tén a morada escura,
dille que corpo e alma xuntamente
me leve a donde non recorden nunca,
nin no mundo en que estou nin nas alturas