¿Por que, Dios piadoso

¿Por que, Dios piadoso,
por que chaman crime
ir en busca da morte que tarda,
cando a un esta vida
lle cansa e lle afrixe?
Cargado de penas,
¿que peito resiste?
¿Cal rendido viaxeiro non quere
busca-lo descanso
que o corpo lle pide?
¿Por que se un non rexe
as dores que o oprimen,
por que din que te amostras airado
de que un antre as tombas
a frente recrine?
Inferno no mundo,
e inferno sin límites
máis alá desa cova sin fondo
que a ialma cobiza
que os ollos non miden.
Se é que esto é verdade,
¡verdade terrible!,
ou deixade un inferno tan soio
de tantos que eisisten,
ou si non, Dios santo, piedade dos tristes.
Previous Post
Next Post
Comments are closed.