NIN ÁS ESCURAS!

-Todo está negro, as sombras envolven a vereda,
e nin o ceo tén ollos, nin o pinar tén lengua.

-¡Vamos! Do que hai oculto, ¿quen miden as fonduras?
¡Alma n'habrá que sepa!... ¡Ven!... a noite está escura.

¿Escura?... mais relumbra non sei que luz traidora...

-¿E non oies que runxe algo onde aquel herbal?
-É o vento que anda tolo correndo antre a fóllax.

-Escoita, sinto pasos, e asoma seica un bulto...
-¡Se é un vivo, matarémolo! Non fala se é difunto.

Mais aquí, onde este cómaro, hai unha cova fonda:
ven, e, santos ou deños, que nos atopen ora.
II
¿A donde irei conmigo? ¿Donde me esconderei
que xa ninguen me vexa i eu non vexa a ninguen?

A luz do día asómbrame, pásmame a das estrelas.
I as olladas dos homes na ialma me penetran.

I é que o que dentro levo de min, penso que ó rostro
me sai cal sai do mare ó cabo un corpo morto.

¡Houbera, e que saíra!... mais non: dentro te levo,
¡fantasma pavoroso dos meus remordementos!
Previous Post
Comments are closed.