A disgracia

¿Por que existe? ¿Quen é? ¿Donde a soberba
morada tén? ¿Arteira, en donde habita?
Sono lixeiro ou pasaxeira nube
pra moitos é, que a penas deixa rastro.
Outros os golpes alevosos sinten
que lle asesta con negra traidoría
dende o comenzo ó fin da vida escrava.
Pero n'a ven, anque a mirada tendan
arrededor, para evitaren, cautos
o seu bafo pestífero, n'atopan
no espazo, nin na terra, nin no mare,
anque ela en todo está sempre dañina.
.... .... .... .... .... .... .... .... .... .... .... ....
O mal do inferno é fillo, o ben do ceo;
a disgracia ¿de quen? Loba que nunca
farta se ve, que o seu furor redobra
da fonda frida, á vista ensangrentada,
¿De donde vén?, ¿que quer?, ¿por que a consintes,
potente Dios, que os nosos males miras?
¿Non ves, Señor, que o seu poder afoga
a fe i o amor no esprito que en ti fía?
¡Como endurece o corazón que un tempo
era todo brandura! ¡Como mata
da espranza a luz, que un resprandor tranquilo
nos astros derramaba da existencia,
nova forza prestando ó pé cansado
e máis valor á ialma temerosa!
Todo o mucha ó seu paso, a pranta súa
maldita todo para sempre estraga.
Todo a súa lama pegaxosa entrubia.
¡E que oco tan profundo fai en torno
daquel a quen persigue! ¡Como fuxen
as xentes del pra non oír os laios
que o seu penar lle arrinca, ou a espantosa
brasfemia que con labio balbucente
a sí mesmo mordéndose prenuncia!
Que apestado n'existe nesta vida
que tanto horror á humanidade cause
como o que da desgracia vai tocado.

¡E como non, se o ben contra el se volve!
Se o mesmo sol non loce onde el habita,
se a fonte onde beber envenenada
decote está, se o pan se volve asentes
para seu paladar, i o mar sin fondo
enxoito nun instante se quedara
se el na onda amarga se afogar quixera;
¡e nos brazos da morte que aborrece,
a mesma morte o deixa abandonado!

¡Ah, piedade, Señor! ¡Varre esa sombra
que en noite eterna para sempre envolve
a luz da fé, do amor e da esperanza!
¡Sombra de horror que os astros briladores
escurece dos ceos, que un novo inferno
neste mundo formou, e un mundo novo,
donde todo valor perde os seu bríos
e toda forza sin loitar se estrela,
onde as tinebras da impiedá, estendidas,
borran todo camino que a ti guíe!

¡Dios de bondá, co teu potente sopro,
de nós aparta ese fantasma horribre
que a desesperazón dá por remate;
pois xa abasta cas dores, ca miseria
da carne fraca e coa infalibre morte
pra tormento e castigo dos que, tristes
porque pecaron, viven desterrados
da patria celestial por que suspiran!
Previous Post
Comments are closed.