E ben! Cando comprido

¡E ben! Cando comprido
teñás ese ardentísimo deseo,
o meu rir sin descanso será estonces,
anque un rir, triste e negro.

Dendes do meu corruncho solitario
estarei axexándovos sereno,
e tras da primadera e tras do estío,
verei cal chega para vós o inverno.
¡E que inverno tan triste,
tan áspero e tan fero!...

Como no outono as follas cán dos árbores,
dos vosos corazós irán caendo
as brancas ilusións con que crubíades
o chan do simeterio
en donde os nosos mortos dormen xuntos
do olvido no silencio.

E nas negras mortaxas que os envolven,
diante de vós aparecer verédelos,
decindo: -N'era aquelo o que buscábades
cando engañados insultaste os ceos...
¡N'era aquelo sin duda, desdichados,
mais... tampouco era esto!...»
I eu desde o meu corruncho sorrireime
cun sorrir triste e negro.

Previous Post
Comments are closed.