Cal grasiosa brandeas

 I
Cal grasiosa brandeas
o teu corpo lixeiro,
si bailas nos estrados
c'aquel galán soberbo,
brandea o norte as ponlas
xentís dos ameneiros;
i unha tras outra folla
de cor amarillento
vai deixando, enredada
nos teus rizos cabelos,
triste coroa póndoche,
tan mucha, Dios do ceo,
como a que na alma túa
pon o teu pensamento...
¡É que se vai o outono!
¡É que se vén o inverno!

Mas inda nas fonduras
do ameno val, serenos
sopran ventos soaves,
que aromas tran do ceo.
Inda na farta beira
cuberta de xilmendros
por onde corre o Miño,
maxestuoso e lento,
do vran se oie o máis doce
sospiro derradeiro
que alí quedou durmindo
antre o romeu i o espriego,
como quedou un raio
de espranza no teu peito.

II
Mas o que tén mal sino,
mal sino o seguirá,
que as rápidas correntes
non volven nunca atrás.
¿Que asperas, se a esperanza
caso de ti non fai?...

Adiante, pelegrina,
dá fin ó teu romax,
que, anque acabar non queiras,
aló te han de levar
do teu mal fado as ondas
e os fortes huracáns.

¡Que inda tes fe!... Terala,
ña probe, no teu mal;
terala nas espiñas
que te han de atormentar;
na fel que pezoñosa
sin sede beberás;
no pan amargo e duro
que te alimentará.

Nunca do mar as ondas
doces se tornarán,
nunca túa sorte terca
ca dicha amainará,
nin ca ilusión te alentes
dun brando descansar;
que só o sono da morte
o triste dorme en paz.

Acaba logo, acaba
o teu triste romax,
que ó que en mal sino nace,
mal sino o seguirá.

Nas alas da disgracia
o teu destino vai,
e as rápidas correntes
non volven nunca atrás.
Next Post
Comments are closed.