Para uns negro

Para uns, negro;
Pra outros, branco;
e para todos,
traspoleirado.

I
-Sé astuto se é que sabes,
víngate das ofensas se é que podes;
ó que che sirva, págalle,
mais a quen non che de, nunca lle dones;
porque a moral dos santos
non reza sempre ca moral dos homes.

Esto un gallego montañés e rudo,
farto de humillaciós e de rencores,
ó agonizar lle aconsellaba a un fillo,
herdeiro dos seus mals e de seu nome.

II
-Sé inxenuo e leal sempre,
perdoa a quen te ofenda
fai ben decote a amigos i enemigos
i á porta franca, sin temor, espera:
n'hai máis que un Dios i unha moral que salve
ós tristes fillos de Eva.

Esto a probe viuda
do montañés, morrendo antre a miseria,
resinada ó seu fillo lle dicía...
i a Dios o esprito lle entregou serena.

III
E fixolle el as honras,
mais tan só con xemidos e con bágoas;
crego non houbo ó rededor que á probe
o enterro de limosna lle cantara.
Nun corruncho do adro
onde as ortigas ásperas medraban,
sin cruz, señal, nin lousa,
alí quedou perdida e sepultada;
e triste o fillo e soio
tornou sanudo á solitaria casa.
«Meu pai doume un consello -iña pensando-
e miña mai domne outro;
e se ela tiña santidá e concencia,
esprencia el tiña e sabidá dabondo.
Son fillo del e dela...
partirei, pois, a hirencia de dous modos;
ña nai, fareille ben a quen cho fixo...
Meu pai, venganza piden os teus ósos».
Previous Post
Comments are closed.