Tristes recordos

Unha tarde alá en Castilla
brilaba o sol cal decote
naqueles desertos brila.

Craro, ardoroso e insolente,
con perdón del, pois n'e modo
aquel de queima-la xente,

e secar con tales bríos
a probe inxeliña pranta,
a fonte, os sedentos ríos.

Unha tarde, ¡ouh, que tristeza
me acometeu tan traidora,
véndome en tal aspereza!

¡A donde vin a parar!,
pensaba mirando o ceo
para a terra non mirar.

Por que o ceo era, eso si,
un máis ou menos azul
como o que temos aquí.


Mentras que a terra, ¡bon Dios!...
Señor, ¿posibre será
que aquela a fixeses vós?

Mais, ¿por que estrañarme tal
se as cousas que vós facés
jamás as facedes mal?

Fixestes tan tristes llanos,
mais fixécheos, Dios cremente,
soio para os castellanos.

¡Ai!, cada pomba ó seu niño,
cada conexo ó seu tobo,
cada ialma ó seu cariño.

Aquesto me eu repetía
naquela tarde, recordo
de negra malencolía.

E namentras, contempraba
da igual, extensa llanura
a terra que branqueaba,

do largo pinar cansado
a negra mancha sin término,
do puebro o color queimado,

i antre o chan i o firmamento
as nubes de denso polvo,
que iba levantando o vento.

Do deserto fiel imaxe,
¡co mesmo alento de brasa,
co mesmo ardente coraxe!

Ó lonxe o mular pasaba,
viña a tourada máis preto,
a ovella enferma balaba.

E no xa queimado espiño,
fuxindo do sol ardente
pousábase o paxariño.

¡Dios mío, que ansia cativa!
Pesaba en min a tristeza
cal se me enterrasen viva.

Lembranzas da terra hermosa,
calmá ca vosa frescura
as penas da alma chorosa.

Porque ese sedento río
envolto en malinas brétemas,
dá callentura, dá frío.

De pronto oín un cantar,
cantar que me conmoveu
hasta facerme acorar.

Era a gallega canzón,
¡era o alalá!... que fixo
bater o meu corazón

con un estraño bater,
doce, como o ben amar,
fero, como o padecer.

De polvo e sudor cubertos
ca fouce ó lombo, corrían
por aqués campos desertos,

un fato de segadores...
¡I eran eles, eran eles
os meigos dos cantadores!

¡Adios, pinares queimados!
¡Adios, abrasadas terras
e cómaros desolados!

Pechei os ollos e vin...
vin fontes, prados e veigas
tendidos ó pé de min.

Mais cando a abrilos tornei,
morrendo de soidades,
toda a chorar me matei.

E non parei de chorar
nunca, hastra que de Castela
ouvéronme de levar.

Leváronme para nela
non me teren que enterrar.
Previous Post
Comments are closed.