Era no mes de maio

 I
Era no mes de Maio,
no mes do amor, das prantas e das frores,
mes dos soaves perfumes
i os trasparentes cores,
dos trinos matinais dos paxariños,
das cándidas e frescas alboradas,
das pasaxeiras nubes,
e das tardes sorrintes e douradas.
Cando o mar está azul, o ceo sereno
como o dormir dun neno,
mansos os ríos, altas as estrelas,
máis desvaída a lúa,
si tamén máis fermosa,
co aquela gracia sin igual que é súa,
i era, en fin, cando todo nesta vida
sorrí ós mortais ca alegre, esplendorosa
sorrisa virxinal da primadera
que amar i a ser dichoso os convida.
A todos¡ai!, quixera
que así a sorte o fixera,
mais algún hai que envolto na negrura
da súa propia tristura,
tan soio ve, da primadera hermosa,
no sol morno e na rosa
co fresco orballo da mañán cuberta,
un triste e mal agoiro que desperta
pensamentos de loito e desventura.

II
Era nunha mañán do mes de Maio
en que parés que os ánxeles cantaban,
mentras mansas as brisas se queixaban
con amoroso laio;
en que o rego o pasar polas curtiñas
non sei que cousas mormuraba leve,
i o voar das inquietas anduriñas
que nos aires chiaban,
á vista dos nubeiros sabidores
venturas e contentos agoiraba:
mañán de encantos cheia
cal o esprito as deseia,
cando espera e confía;
mañán que chama a toda cras de seres
ó pracer i á alegría,
menos á triste ialma,
que, dendes que é non sabe
que é ter sosego ou calma,
donde a dozura do gozar comence,
donde a crudeza da delor acabe.

III
Da Garda ánxel bondoso,
que as brancas alas paseniño bates
ó rededor do acongoxado esprito,
pra derramar en el santos consolos
que nos tras do infinito,
¿en donde, en donde estabas,
que antre negros querbantos
soia un alma tristísima deixabas?
Fe, esperanza, virtudes,
orixen das eternas beatitudes,
e que dendes rexiós máis venturosas
vindes calmar as amarguras nosas...
¿Donde estades, en donde?
¿Cando ó que en vós confía,
soio, en loita coas ansias da agonía,
orfo, vos chama, e naide lle responde?

IV
Por aqueles que odiaba perseguido,
polos que amaba odiado,
un triste a dura sorte condenado
contempraba do cántabro a bravura
con un ollar profundo,
cal si tras de tan fonda sepultura
entrevise as anchuras do outro mundo.
E con ánimo forte,
do líquido cristal hastra tocalo,
en carreira chegou vertixinosa
cal se atraisón do abismo misterioso,
con forza estraña o conduxese á morte.

E dixo: -¡Vida, adios!, ¡adios, tormento,
que con martirio lento
me arrancache astra os soños da esperanza!
Da desventura miña
vou a crebar o brazo poderoso,
alí donde n'hai dor, nin ha¡mudanza,
e se enterra a inquietude no reposo.
¡E ti, mala pasión que en min te cebas
e foches o meu Dios i o meu castigo,
xa que me qués matar, morre conmigo!

Calou o triste, e inmensas, pavorosas,
cas súas crins espumosas,
retorcéronse as ondas pola area,
incitando ó coitado
a dar fin á pelea
que houbera no seu peito encomenzado.

Mais un brando sonido
fireu de pronto o contrubado oído
daquel ser desdichado...
e escoitou asombrado
dun invisible ser a fala hermosa,
que con branda e celeste melodía,
soave e mainamente lle decía:

-¡Detente ó pé da orela
da túa vida, cobarde centinela;
non queiras por fuxires do presente
da eternidade descorre-los velos!
Agarda a que a medida,
con rosas ou con fel, enchas da vida;
nin fagas que na tomba se derrame
antes que Dios cha pida.
Que ningún fillo de Eva
ó fin se ha de librar do seu penare
anque á morte se astreva.
Despois de atravesare
os desertos inmensos do infinito,
ó mundo volverías en esprito
a sofrir, i o ten crimen a pagare.
As noites tras dos días
sin descanso nin tregua
apegado a aquel seo te verías,
do ingrato corazón vendo os batidos
non por ti, mais por outros repetidos.
En aquel pensamento
con impracable craridá leerías
a traizón alevosa, o olvido amargo
sin velo que os crubir, nin finximento.
-¡Ouh Dios, Dios poderoso!...
¡Que tormento espantoso!

-Ninguén torce o poder dos seus destinos,
infaustos ou beninos;
nin a ninguén lle é dado
renegar do seu fado.
Só vence quen espera...
Volve a vivir e espera resinado.

E tornou a vivir, arrepentido,
anque triste e dorido,
aquel probe coitado:
pideulle a Dios perdón do seu pecado,
e Dios, compadecido,
mandoulle santa paz e doce olvido.
Next Post
Comments are closed.