Tembra un neno no húmido pórtico

 Tembra un neno no húmido pórtico...
Da fame e do frío
ten o sello o seu rostro de ánxel,
inda hermoso, mais mucho e sin brillo.

Farrapento e descalzo, nas pedras
os probes peíños,
que as xiadas do inverno lañaron,
apousa indeciso;
pois parés que llos cortan coitelos
de aceirados fíos.

Coma can sin palleiro nin dono,
que todos desprezan,
nun curruncho se esconde, tembrando,
da dura escaleira.
E cal lirio se dobra ó secárese,
o inocente a dourada cabesa
tamén dobra, esvaesido ca fame,
e descansa co rostro nas pedras.
E mentras que el dorme,
triste imaxen da dor i a miseria,
van e ven ¡a adoraren o Altisimo.
fariseios, os grandes da terra,
sin que ó ver do inocente a orfandade
se calme dos ricos
a sede avarienta.

O meu peito ca angustia se oprime.
¡Señor! ¡Dios do ceo!
¿Por que hai almas tan negras e duras?
¿Por que hai orfos na terra, Dios boeno?

Mais n'en vano sellado está o libro
dos grandes misterios...
Pasa a groria, o poder i a alegría...
Todo pasa na terra. ¡Esperemos!
Comments are closed.