¡Padrón…! ¡Padrón…!

      ¡Padrón…! ¡Padrón…!
   Santa María… Lestrove…
        ¡Adiós! ¡Adiós!

                   I

      Aquelas risas sin fin,
aquel brincar sin dolor,
aquela louca alegría,
        ¿por que acabou?

      Aqueles doces cantares,
aquelas falas de amor,
aquelas noites serenas,
        ¿por que non son?

      Aquel vibrar sonoroso
das cordas da harpa i os sons
da guitarra malencónica,
        ¿quen os levou?

      Todo é silencio mudo,
           soidá, delor,
onde outro tempo a dicha
           sola reinou…

      ¡Padrón…! ¡Padrón…!
   Santa María… Lestrove…
        ¡Adiós! ¡Adiós!

                  II

      O simiterio da Adina
n’hai duda de que é encantador,
cos seus olivos escuros
de vella recordazón;
co seu chan de herbas e frores
lindas, cal n’outras dou Dios;
cos seus canónegos vellos
que nel se sentan ó sol;
cos meniños que alí xogan
contentos e rebuldós;
cas lousas brancas que o cruben,
e cos húmedos montós
de terra, onde algunha probe
ó amañecer se enterrou.

      Moito te quixen un tempo,
simiterio encantador,
cos teus olivos escuros,
máis vellos que os meus avós;
cos teus cregos venerables,
que se iban sentar ó sol,
mentras cantaban os páxaros
as matutinas cancións,
e co teu osario humilde
que tanto respeto impón
cando da luz que nel arde
ve un de noite o resprandor.
Moito te quixen, e quérote,
eso ben o sabe Dios;
mas hoxe ó pensar en ti
núbraseme o corazón:
que a terra está removida,
        negra e sin frols…

      ¡Padrón…! ¡Padrón…!
   Santa María… Lestrove…
        ¡Adiós! ¡Adiós!

                  III
      Fun un día en busca deles,
palpitante o corazón,
funos chamando un a un
e ningún me contestou.

      Petei nunha i outra porta,
non sentín fala nin voz,
cal nunha tomba baldeira
o meu petar resonou.

      Mirei pola pechadura,
¡que silensio…!, ¡que pavor…!
vin nomais sombras errantes
que iban e viñan sin son,
cal voan os lixos leves
nun rio do craro sol.

      Erguéronseme os cabelos
de estrañeza e de delor.
¡Nin un soio…!, ¡nin un soio…!
¿Donde están?, ¿que deles foi?

      O triste son da campana,
Vagoroso a min chegou…
¡Tocaba a morto por eles…!

      ¡Padrón…! ¡Padrón…!
   Santa María… Lestrove…
        ¡Adiós! ¡Adiós!

Next Post
Comments are closed.