SOBERBA

      Cor de promo, amontónanse as nubes;
rodan lentas as ondas do mar;
e zoando con son pavoroso,
                vén o huracán.

      ¡Que cargado está o ceo e que triste;
que escuro, que negro tornándose vai!
Encendámo-la vela bendita,
                que hai tempestá.

      Cabalgando nas alas dos ánxeles,
por mandato de Dios correrán
as centelas que asombran ós malos
                co seu lostregar.

      Nove follas de olio queimemos
porque alexen de nós todo mal,
que nos libren de raio e centela
                que nos matar.

      O trisaxio cantemos en coro…

Incrinaivos i a Dios adorai;
pois si trona, é que quer recordarnos
                que é grande e inmortal.

      ¡Santo, santo!, din todos a unha,
                fillos e nai…

Todos non, que un, soberbo e sañudo,
                calado está.

      Mais os tronos afunden os ceos
e cega dos lóstregos o brilo fatal.
¡Ouh, que noite…! ¡Que noite terrible
                de tempestás!

      El Señor está airado… ¡incrinémonos!
¡Ei, malvados da terra, tembrai!
O que salvo esta noite saíre,
                que contar ha.

      -Ña nai, a vaca marela
tembra coma vós na corte.
¿Fixo algún pecado ela?
¿Virá un raio a darlle morte?

      -Si ela non fixo pecado,
mal cristiano, ti o fixeche;
que es pecador rematado
mesmo dende que naceche.

      -¿I a probe vaca marela
paga, decí, o que eu pequei?
–Pagas ti; morrendo ela,
di, ¿con que te manterei?

Comments are closed.