-Tanto e tanto nos odiamos

      -Tanto e tanto nos odiamos,
tanto e tan mal nos quixemos,
que por non verme morriche,
e desque morriche alento.
Mas ora tócame a min
tamén marchar, e di o crego
que che perdone, pois logo
axuntarnos volveremos.
¡O crego volveuse tolo!
¡Xuntarnos…! Nunca máis, penso;
que si ti estás onda Dios,
eu penso de ir xunto ó demo.

      Esto unha vella viúda,
e terca como un carneiro,
falaba do seu difunto
xa dos bichocos comesto.
I en tanto que así falaba,
tamén ela iba morrendo.
Mas din que o difunto i ela
se atoparon nos infernos
man a man e codo a codo
como dous bos compañeiros.

      -¿Conque estás aquí? –lle dixo
estonces a vella ó vello-,
pois voume adonde está Dios,
xa que ti estás onda o demo-.
E sin saberse por onde
colleu direitiña ó ceo,
mais topou fechada a porta,
que lla fechara San Pedro.

      -¡Prum!, ¡prum!, ¡abrí, que son eu!-
falou a vella moi recio.
-¡Non hai!- respondeu o Apóstol,
apertando o tarabelo.
-Coidá que xurei n’estar
onde el esté, meu San Pedro…
-¡Non hai!- repiteulle o Santo,
índose inda máis adentro.
-¡Por vida das vosas chaves,
que facés un bon porteiro,
e que roncás…! Xa se ve…
¡Como estades satisfeito….!

      Mais eu xurei, e Dios manda
que un cumpra seus xuramentos.
¡Á terceira vez…! ¿Abrides?
-Nin ás tres nin ós trescentos;
a muller vaia onda o home:
¡Al infierno, anda al infierno
con el, por sempre enjamás!

-¡Poche, meu santo Santo Pedro,
que ben deixás conocer
que andiveches sempre ceibo,
que nunca foches casado
nin na terra nin no ceo!
Todíña-las comenencias
para vós quixeches, ¡deño!
¿I a min non me das ningunha?
Pois ve que eu tamén as quero.
Si aló con cadea andiven,
en tela agora non penso,
que todo ca morte acaba
según padrican os cregos.
Unha ves nos separamos
eu i o meu home, e por certo
que foi pra sempre…, e está dito,
pois son terca, si sós terco.
¿Que non me querés na groria?
Pois xurei non ir ó inferno,
donde el está; i acabouse,
e n’hai que falar máis desto.
¿Que habés de facer de min?
¿Irei ó limbo dos nenos?
¡Me vallas!, que xa estou deles
hasta a punta dos cabelos.
-¡Caramba coa muller esta!
-dixo enfadado San Pedro-,
que si non fora por Dios…
-Bah, señor, deixavos deso
e permitime que pase…
-Non, non e non. ¡Caramelos!
Fóra daquí… –E ¡pum!, botouna
direitiño cara ó inferno.
-¡Que o xurei!, Xa o teño dito…
-berraba a vella-. Non entro.
Señor, señor… Sursum corda;
aquí estou, e aquí me quedo.

      E quedouse, si, quedouse
¿Onde? Non se sabe certo,
nin si foi porque a oíse Dios
ou porque n’a quixo o deño.
Só se sabe, ben sabido,
que anda nas alas do vento
metendo medo ós rapaces
nas negras noites de inverno;
encelando namorados,
desfacendo casamentos,
malquistando matrimonios…
¿Por que n’a levou San Pedro?
Que ora anda ceiba e ben ceiba
para meternos no inferno.
Poñelle a figa, mociñas,
si querés ter casamento;
que onde ela esté, nin un home
toparés para un remedio.

Next Post
Comments are closed.