SAN LOURENZO

                         I

Ó mirar cal de novo nos campos
      iban a abrocha-las rosas,
      dixen: “¡E onde, Dios mio,
      irei a esconderme agora!”
      E pensei de San Lourenzo
      na robreda silenciosa.

Nalgún tempo aqués vellos carballos,
      amostrando as súas raíces,
      cálva-las redondas copas
      que xa de musgo se visten,
      ás tristes almas falábanlles
      tan soio de cousas tristes.

O alciprés que direito se asoma
      do convento tras do muro,
      i o lixeiro campanario
      cuberto de herbas e mugos,
      da devesa, co cruceiro
      eran cintinelas mudos.

I aquel Cristo que no arco de pedra
      abatido a frente incrina,
      soio, cal si inda no Gólgota
      loitase coas agonías,
      ós corazós oprimidos
      resignación lle infundía.

E si dentro do craustro deserto
      e ruinoso penetraba,
      nunca do olvido unha imaxen
      vira no mundo máis crara,
      nin de máis grande silencio
      na terra vos rodeara.

No profundo da fonte escondida
      medraban con libertade
      antre as sílva-las violas,
      antre o buxo as dixitales,
      i a morte ¡cal fora grata
      naquel deserto lugare!

E por eso ó mirar cal nos campos
      de novo abrochan as rosas
      dixen: “¡En onde, Dios mío,
      irei a esconderme agora!”
      I ó bosque de San Lourenzo
      me encamiñei silenciosa.

¿Onde estaba o sagrado retiro?
      Percibín ruídos estraños.
      Pedreiros iñan e viñan
      por aquel bosque apartado.
      ¡Era que unha man piadosa
      coidaba os dasamparados!

Dunha ollada medín o interiore…
      Todo relumbraba branco,
      cada pedra era un espello,
      i o vello convento un pazo
      coberto de lindas frores.
      ¡Que terrible desencanto!

¡Negra nube cubreu de repente
      os meus ollos asombrados;
      e máis que nunca abatida,
      fuxín…! Que o retiro amado
pareceume a alma limpa dun monxe
sumerxida nos lodos mundanos.

Previous Post
Comments are closed.