Vendéronlle os bois
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
dexárono soio
coa roupa vestida.
”María, eu son mozo,
pedir no me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou…
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!”
II
Cando ninguén nos mira,
vense rostros nubrados e sombrisos,
homes que erran cal sombras voltexantes
por veigas e campíos.
Un, enriba dun cómaro
séntase caviloso e pensativo;
outro, ó pé dun carballo queda imóbil,
coa vista levantada hacia o infinito.
Algún, cabo da fonte recrinado,
parés que escoita atento o murmurío
da auga que cai, e eisala xordamente
tristísimos sospiros.
¡Van a deixa-la patria…!
Forzoso, mais supremo sacrificio.
A miseria está negra en torno deles,
¡ai!, ¡i adiante está o abismo…!
III
O mar castiga bravamente as penas,
e contra as bandas do vapor se rompen
as irritadas ondas
do cántabro salobre.
Chilan as gaviotas
¡alá lonxe…!, ¡moi lonxe!,
na prácida ribeira solitaria
que convida ó descanso i ós amores.
De humanos seres a compauta línea
que brila ó sol adiántase e retórcese,
mais preto e lentamente as curvas sigue
do murallón antigo do Parrote.
O corazón apértase de angustia,
óiense risas, xuramentos se oien,
i as brasfemias se axuntan cos sospiros…
¿Onde van eses homes?
Dentro dun mes, no simiterio imenso
da Habana, ou nos seus bosques,
ide a ver que foi deles….
¡No eterno olvido para sempre dormen…!
¡Pobres nais que os criaron,
i as que os agardan amorosas, pobres!
IV
“¡Ánimo, compañeiros!
Toda a terra é dos homes.
Aquel que non veu nunca máis que a propia,
a iñorancia o consome.
¡Ánimo! ¡A quen se muda Dilo-lo axuda!
¡E anque ora vamos de Galicia lonxe,
verés desque tornemos
o que medrano os robres!
Mañán é o día grande, ¡á mar, amigos!
¡Mañán, Dios nos acoche!”
¡No sembrante a alegría,
no corazón o esforzo,
i a campana harmoniosa da esperanza,
lonxe, tocando a morto!
V
Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tes en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tes corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viúdas de vivos e mortos
que ninguén consolará.