NO CRAUSTRO

        Dábanse bíco-las pombas,
    voaban as anduriñas,
    xogaba o vento coas herbas
    pobradas de margaridas,
    i as lavandeiras cantaban
    méntra-la fonte corría.
        Fóronse indo unha tras doutra,
    i alí se quedou soíña,
    ca triste frente incrinada
    cabe unha arcada sombrisa…
        Estonces, non sei que sombras,
    quizais de memorias vivas,
    quizais dos frades difuntos,
    pasar en procesión mística
    veu naquelas soledades
    que amaba canto temía.
        Tembrou de angustia e de pena,
    e con amarga sorrisa,
    mirando o xasmín sin follas
    que iban a brotar axiña,
    marmurou, mentras dos ollos
    as bagullas lle caían:
        ”Todo volve, todo torna,
    menos o ben que eu quería;
    todo, todo aquí se queda:
    eu soia vou de fuxida.
    Non hei de vervos máis, frores,
    adorno desas cornisas;
    nin a oír os teus marmurios,
    fonte que a gozar convidas;
    nin a contemprarvos, pedras,
    testigos da pena miña.
    Outros virán profanarvos,
    mentras eu morro esquencida”.
        Sonaron pasos nas bóvedas,
    soprou unha forte brisa,
    oieuse unha carcaxada
    cal si do inferno saíra:
    ero o trasno do convento,
    que recordando outros días,
    ríase das ansias negras
    e da orfandá da meniña.

Comments are closed.