Ó sol fun quentarme

        Ó sol fun quentarme,
    doume escallofríos,
    cal si o Norte bravo
    me arrastrase arisco.
    Sentín unha gaita
    de alegre sonido,
    i os cabelos todos
    puñéronseme irtos;
    e tembrei cal tembra
    na beira do río
    herba que a corrente
    toca cos seus limos.
        Miña alma dorida,
    meu corpo inxeliño,
    faivos mal a gaita,
    dávos o sol frío.
    Miña alma, meu corpo,
    se non é feitizo,
    é que a morte querme
    para o seu enxido.

Comments are closed.