Miña Santiña

      Miña Santiña,
miña Santasa,
miña cariña,
de calabasa:
      hei de emprestarvos
os meus pendentes,
hei de emprestarvos
o meu collar;
      hei de emprestarcho,
cara bonita,
si me aprendes
a puntear.

      -Costureiriña
comprimenteira,
sacha no campo,
malla na eira,
      lava no río,
vai apañar
toxiños secos
antre o pinar.
      Así a meniña
traballadora
os punteados
deprende ora.

      -Miña Santiña,
mal me quixere
quen me aconsella
que tal fixere.
      Mans de señora,
mans fidalgueiras
teñen todiñas
as costureiras;
      boca de reina,
corpo de dama,
cómprelle a seda,
foxen da lama.

      -¡Ai, rapaciña!
ti te-lo teo:
¡seda as que dormen
antre o centeo!
      ¡Fuxir da lama
quen naceu nela!
Dios cho perdone,
probe Manuela.
      Lama con honra
non mancha nada,
nin seda limpa
honra emporcada.

      -Santa Santasa,
non sós comprida,
decindo cousas
que fan ferida.
      Falaime sólo
das muiñeiras,
daquelas voltas
revirandeiras
      daqueles puntos
que fan agora
de afora adentro,
de adentro afora.

      -Costureiriña
do carballal,
colle unha agulla,
colle un dedal,
      cose os buratos
dese teu cós,
que andar rachada
non manda Dios.
      Cose, meniña,
tantos furados
i ora non penses
nos punteados.

      -Miña Santasa,
miña Santiña,
nin teño agulla,
nin teño liña,
      nin dedal teño,
que aló na feira
rouboumo un majo
da faltriqueira,
      decindo: "As perdas
dos descoidados
fan o lotiño
dos apañados."

      -¡Costureiriña
que a majos trata!
Alma de cobre,
collar de prata.
      Mocidá rindo,
vellez chorando…
Anda, meniña,
coida o gando.
      Coida das herbas
do teu herbal:
terás agulla,
terás dedal.

      -Deixade as herbas,
que o que eu quería
era ir cal todas
á romería
      ¡I alí con aire
dar cada volta!
Os ollos baixos,
a perna solta.
      Pés lixeiriños,
corpo direito.
¡Pero, Santiña…,
non lle dou xeito!
      Non vos metades
predicadora;
bailadoriña
facéme agora.
      Vós dende arriba
andá correndo;
facede os puntos
i eu adeprendo.
      Andá, que peno
polos penares…
Mirai que o pido
chorando a mares.

-¡Ai da meniña!
¡Ai da que chora,
ai, porque quere
ser bailadora!
      Que cando durma
no camposanto,
os enemigos
faranlle espanto,
      bailando enriba
das herbas mudas,
ó son da negra
gaita de Xudas.
      I aquel corpiño
que noutros días
tanto truara
nas romerías,
      ó son dos ventos
máis desatados
rolará logo
cos condenados.
      Costureiriña,
n’hei de ser, n’hei,
quen che deprenda
tan mala lei.

      -¡Ai, que Santasa!
¡Ai, que Santona!
Ollos de meiga,
cara de mona,
      pór n’hei de pórche
os meus pendentes
pór n’hei de pórche
o meu collar,
      xa que non queres,
xa que non sabes
adeprenderme
a puntear.

Comments are closed.