Un repoludo gaiteiro

Normal
0
21

      Un repoludo gaiteiro,

de pano sedán vestido,

como un príncipe cumprido,

cariñoso e falangueiro,

antre os mozos o primeiro

e nas siudades sin par,

tiña costume en cantar

aló pola mañanciña:

-Con esta miña gaitiña

ás nenas hei de engañar.

 

      Sempre pola vila entraba

con aquel de señorío;

sempre con poxante brío

co tambor se acompasaba;

e si na gaita sopraba,

era tan dose soprar,

que ben fixera en cantar

aló pola mañánciña:

-Con esta miña gaitiña

ás nenas hei de engañar.

 

      Todas por el reloucaban,

todas por el se morrían;

si o tiñan cerca, sorrían;

si o tiñan lonxe, choraban.

¡Mal pecado! Non coidaban

que c’aquel seu frolear

tiña costume de cantar

aló pola mañanciña:

-Con esta miañ gaitiña

ás nenas hei de engañar.

 

      Camiño da romería,

debabixo dunha figueira,

¡canta meniña solteira

"Quérote", lle repetía…!

I el ca gaita respondía

por a todas emboucar

pois ben fixera en cantar

aló pola mañanciña:

-Con esta miña gaitiña

ás nenas hei de engañar.

 

      Elas
louquiñas bailaban

e por xunta del corrían

cegas…,cegas, que non vían

as espiñas que as cercaban;

probes palomas, bucaban

a luz que as iba queimar,

pois que el soupera cantar

aló pola mañanciña:

-Ó Son da miña gaitiña

ás nenas hei de engañar.

 

      Nas festas ¡canto contento!

¡Canta risa nas fiadas!

Todas, todas, namoradas,

déranlle o seu pensamento.

I el que, de amores sedento,

quixo a todas engañar,

cando as viu dimpois chorar,

cantaba nas mañanciñas:

-Non sean elas toliñas

non veñan ó meu tocar.

Previous Post
Comments are closed.