Campanas de Bastabales

Normal
0
21

      Campanas de Bastabales,

cando vos oio tocar,

mórrome de soidades.

              I

      Cando vos oio tocar,

campaniñas, campaniñas,

sin querer torno a chorar.

 

      Cando de lonxe vos oio,

penso que por min chamades,

e das entrañas me doio.

 

      Dóiome de dor ferida,

que antes tiña vida enteira

i hoxe teño media vida.

 

      Sólo media me deixaron

os que de aló me trouxeron,

os que de aló me roubaron.

 

      Non me roubaran, traidores,

¡ai!, uns amores toliños,

¡ai!, uns toliños amores.

 

      Que os amores xa fuxiron,

as soidades viñeron…

De pena me consumiron.

 

             II

      Aló pola mañanciña

sube enriba dos outeiros

lixeiriña, lixeiriña.

 

      Como unha cabra lixeira,

para oír das campaniñas

a batalada primeira.

 

      A primeira da alborada,

que me traen os airiños

por me ver máis consolada.

 

      Por me ver menos chorosa,

nas súas alas ma traen

rebuldeira e queixumbrosa.

 

      Queixumbrosa e retembrando

por antre a verde espesura,

por antre o verde arborado.

 

      E porla verde pradeira,

por riba da veiga llana,

rebuldeira e rebuldeira.

 

             III

      Paseniño, paseniño,

vou pola tarde calada

de Bastabales camiño.

 

      Camiño de meu contento;

i en tanto o sol non se esconde,

nunha pedriña me sento.

 

      E sentada estou mirando

como a lúa vai saíndo

como o sol se vai deitando.

 

      Cal se deita, cal se esconde

mentras tanto corre a lúa.

Sin saberse para donde.

 

      Para donde vai tan soia,

sin que aos tristes que a miramos

nin nos fale, nin nos oia.

 

      Que si oíra e nos falara,

moitas cousas lle dixera,

moitas cousas lle contara.

 

             IV

      Cada estrela, o seu diamante;

cada nube, branca pruma;

triste a lúa marcha diante.

 

      Diante marcha crarexando

veigas, prados, montes, ríos,

donde o día vai faltando.

 

      Falta o día, e noite escura

baixa, baixa, pouco a pouco,

por montañas de verdura.

 

      De verdura e de follaxe,

salpicada de fontiñas

baixa a sombra do ramaxe.

 

      Do ramaxe donde cantan

paxariños piadores

que ca aurora se levantan.

 

      Que ca noite se adormecen

para que canten os grilos

que cas sombras aparecen.

 

              V

      Corre o vento, o río pasa.

Corren nubes, nubes corren

camiño da miña casa.

 

      Miña casa, meu abrigo;

vanse todos, eu me quedo

sin compaña nin amigo.

 

      Eu me quedo contemprando

as laradas das casiñas

por quen vivo suspirando.


      Ven a noite…, morre o día,

as campanas tocan lonxe

o tocar da Ave María.

 

      Elas tocan pra que rece;

eu non rezo, que os saloucos

afogándome parece

que por min tén que rezar.

Campanas de Bastabales,

cando vos oio tocar,

mórrome de soidades.

Comments are closed.