San Antonio bendito

      San Antonio bendito,
dádeme un home,
anque me mate,
anque me esfole.

      Meu santo San Antonio,
daime un homiño,
anque o tamaño teña
dun gran de millo.
Daimo, meu santo,
anque os pés teña coxos,
mancos os brazos.

      Unha muller sin home…
¡santo bendito!,
é corpiño sin alma,
festa sin trigo,
pau viradoiro
que onda queira que vaia
troncho que troncho.

Mais, en tendo un homiño,
¡Virxe do Carme!,
non hai mundo que chegue
para un folgarse.
Que, zambo ou trenco,
sempre é bo ter un home
para un remedio.

      Eu sei dun que cobisa
causa miralo,
lanzaliño do corpo,
roxo e encarnado.
Carniñas de manteiga,
e palabras tan doces
cal mentireiras.

      Por el peno de día,
de noite peno,
pensando nos seus ollos
color de ceo;
mais el, xa doito,
de amoriños entende,
de casar pouco.

      Facé, meu San Antonio,
que onda min veña
para casar conmigo,
nena solteira
que levo en dote
unha culler de ferro,
catro de boxe,

      un irmanciño novo
que xa ten dentes,
unha vaquiña vella
que non dá leite…
¡Ai, meu santiño!:
facé que tal suceda
cal volo pido.

      San Antonio bendito,
dádeme un home,
anque me mate,
anque me esfole,
que, zambo ou trenco,
sempre é bo ter un home
para un remedio.

Next Post
Comments are closed.