Acolá enriba

      Acolá enriba
na fresca montaña,
que alegre se crobe
de verde retama,
meniña morena,
de branco vestida,
nubiña parece
no monte perdida,
que xira, que corre,
que torna, que pasa,
que rola e, mainiña,
serena se para.

      Xa envolta se mira
na espuma que salta
do chorro que ferve
na rouca cascada.
Xa erguida na punta
de pena sombrisa,
inmoble cal virxe
de pedra se mira.
A cofia de liño
aos ventos soltada,
as trenzas descoida
que os aires espallan.
Tendída-las puntas
do pano de seda,
as alas dun ánxel
de lonxe semellan
si as brisas da tarde,
xogando con elas,
as moven ca gracia
que un ánxel tivera.
Eu penso, ¡coitado
de min!, que me chaman,
si as vexo bulindo
na verde enramada.
Mas, ¡ai!, que os meus ollos
me engañan traidores,
pois vou e, lixeira,
na niebra se esconde.
Se esconde outras veces
na sombra dos pinos,
e canta escondida
cantares dulciños
que abrasan, que firen
ferida de amor
que teño feiiña
no meu corazón.

      ¡Que feita, que linda,
que fresca, que branca
dou Dios á meniña
da verde montaña!
¡Que hermosa parece
que chore, que xima;
cantando, sorrindo,
disperta, dormida!

      ¡Ai!, si seu pai
por regalo ma dera,
¡ai!, non sentira
no mundo máis penas.
¡Ai!, que por tela
conmigo por dama,
eu lla vestira
eu lla calzara.

Previous Post
Comments are closed.