Adiós, ríos; adiós, fontes

      Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

      Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

      prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

      muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

      amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

¡Adiós, groria! ¡Adiós, contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso
por un mundo que non vin!

      Deixo amigos por extraños
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero…
¡Quen pudera no o deixar…!


      Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n’e miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.

      Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.

      Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do camposanto
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.

      Adiós, Virxe da Asunción,
branca como un serafín:
lévovos no corasón;
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.

      Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.

      Xa se oien lonxe, mais lonxe…
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo…
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!

      ¡Adiós tamén, queridiña…!
¡Adiós por sempre quizais…!
Dígoche ese adiós chorando
desde a beiriña do mar.

     
Non me olvides, queridiña,

si morro de soidás
tantas légoas mar adentro…
¡Miña casiña!, ¡meu lar!

Previous Post
Comments are closed.