Illas lobeiras. Miro Villar
Foi nas Illas Lobeiras co mar por testemuña
do amor louco no entorno dun mínimo deserto
que escoitamos na noite cantos de desconcerto
a ecoar lonxe na serra, nos penedos da Ruña.
E fumos temerosos dun medo que rabuña
interrompendo os beixos coa dúbida do incerto
de coñecer se a lenda puidese ter de certo
que os lobos descenderan como a xente supuña.
E na nosa incerteza non tivemos de conta
da fronteira das augas para coutar o medo
protexidos por ondas e cons de afiado gume.
Mais a nosa cegueira mudou logo en luz pronta
descubrindo que os urros proviñan do rochedo
no que faro Cee ronxe para as naos dende o cume.
Villar, Miro (1992), Ausencias pretéritas. (Espiral Maior: A Coruña)