Tres cancións pra Rosalía. Luz Pozo Garza.

I. HAI UNHA VOZ
Hai unha voz
no tempo de Galicia
Hai unha voz sen verbas
que todos escoitamos no silencio
Lembrando nomes pra que naza o millo

Chámase morte ou mágoa
Xuramento de anguria
Soidade
Pensamento de pedra
Chámase berro e fonte
e desarrimo

Chámase olvido
E chámase arelanza
Ou vida ou liberdade ou compaña dos nosos
Chámase soño ou morte
lar
saudade

Chámase choiva que lourea os froitos

Hai unha voz
Chámase Rosalía
Sete letras de laio
Saudade
dunha fala ferida

Esperanza dun mundo
que inda fica nun berro
de liberdade
Hai unha voz
A súa
Benzoada

II. CANTIGA FUNERAL DE PADRÓN
Campanas de Bastabales
tocade por Rosalía
Tocade

Xa non chove miudiño
Xa non choven orballadas
Choven negras soidades
Chorade por Rosalía
Chorade

Que vai de dolor ferida
por un agoiro de mágoas
Sen arrimo. Sen adaxe
Soade

Xa non madurece o millo
pola beira de Lestrove
Hai feridas sen idade
Chorade

Que vai unha sombra negra
pola banda de Laíño
chamando por Rosalía
Tocade

Velaivai a negra sombra
no cemiterio de Adina
asombrando a Rosalía
Pregade

III. BENZOADA
Benzoados os tempos
do infortunio
que fixeron posible esa voz silandeira
Rosalía

Benzoadas
todas as nordesías
que asulagan
teus salaios de acibro

Benzoada sexa
a túa orfandade
que nos fire a todos
entrañablemente

Benzoada a fontela de anceios de morte
que asulagou
o teu vivir
a carón da meirande das mágoas

Benzoados os espacios e os tempos
as dúas coordenadas
que te crucificaron
con cravos de ferro ou de amor

Rosalía
Benzoada sexas pola túa voz

Pozo Garza, Luz

Desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e desde o equipo que conforma Son de Poetas queremos dedicarlle esta entrada á poeta e académica Luz Pozo Garza, falecida recentemente.

O día 21 de xullo de 2017, a Real Academia Galega organizou unha homenaxe á autora. Con este motivo, o compositor Gabriel Bussi adaptou tres dos seus textos dedicados a Rosalía A interpretación correu a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rico, acompañada do Quinteto Cimarrón.

O profesor Gabriel Bussi compartiu connosco a gravación daquel acto que agora vos ofrecemos.

Listen to “Luz Pozo Graza, 3 poemas a Rosalía. Adpt. G. Bussi, quintto cordas Cimarrón, Pat. Rdz. Rizo soprano. RAG, A Coruña 21-07-2017” on Spreaker.

Concerto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *