Abr 262020
 

É xa tempo de erguer a Liberdade,
de saír deste noxo e deste abismo
para poñer en alto a dignidade,
a ira, a rebelión, o inconformismo.

É tempo preciso para se alzar,
de enterrar dunha vez a tiranía
e erguer a nosa fe como un cantar
pra traguer a pureza e a alegría.

É o tempo do combate, do clamor,
da afirmación enteira máis baril.
É o tempo do incendio abrasador
baixo este ceo purísimo de abril.

É tempo de ofrendar a propia vida,
de vestir o uniforme de soldado.
É tempo de ir coa fronte erguida
pra facer un mañá esperanzado.

Abril fixo xurdir rosas vermellas,
toxos arnais e estripos feridores.
É tempo de gadañas e de rellas,
de seiturar a traizón, os traidores.

Galiza é, dende agora, chama acesa,
un agromar de papoulas a florir,
unha fouce xigante, unha promesa,
unha vontade absoluta de porvir

Galiza é o empeño máis fermoso,
o pulo transcendente máis cabal,
un ideal vivo, virxe e poderoso,
unha desperta conciencia comunal.

Este é tempo de loita, de xenreira.
É tempo de semente e de colleita.
O tempo de que agrome a Primaveira
pra levantar á Terra tan maltreita!

Manuel María (1989), Abril de lume e ferro.

Versión da Quenlla. Preme aquí para escoitala.

 Leave a Reply

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)