¡Camiño de ferradura. Ramón Cabanillas & Antón Vilar Ponte.

¡Camiño de ferradura
que levas a Mondoñedo!
¡Nova rúa da Amargura!
¡Ou vereda da inxustiza
pola que rube ó martirio
o redentor da Galiza!
¡Dalle paso doce e brando,
que tamén él vai doído,
antre saións e sangrando!
¡Tamén él, todo bondades,
leva ás costas a cruz sagra
dun sono de libertade!
¡Tamén él cheo de dores,
vai con coroa de espiñas
posta de man de treidores!
¡Tamén él murcho e maltreito,
como rosa de pasión
leva unha chaga no peito!
¡Camiño de ferradura
aberto ó paso da Morte
na noite tristeira e escura,
leva con paz e sosego
ó soñador dunha patria,
ó novo Cristo galego!

(…)

Cabanillas, R. & Vilar Ponte, A. (1926). O mariscal.

Miro Casabella. Se queres escoitar, preme aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *