As amantes de Hamlet. Marta Dacosta.

I
levamos os cabelos extremadamente longos
e os corpos espidos

os pés descalzos feridos pola area
lévannos ao mar
imperturbable

nunca nos ven os rostros
só imaxinan a auga, tamén, nos nosos ollos
os cabelos ao vento, bandeiras desatadas
cando xa non hai nada
entre a escuma e a carne

quedarán os poemas
os poemas atroces das amantes de Hamlet.

II
cantas pedras para este muro inmenso
para este camiño, para a casa
a casa que abriremos ás mulleres espidas
que chegarán do mar na procura da árbore
e a fonte

gardamos a calor e gardamos a fonte
a laranxeira terma dos seus froitos dourados
é o noso deber para un tempo sen deuses
que nunca foi o noso

como sinal levamos o sexo descuberto
os peitos e os cabelos ao vento que nos fere
e agardamos pacientes
o seu paso de auga á nosa casa aberta.

Dacosta, M. (2003). As Amantes de Hamlet.

Miguel Alonso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *