O romántico mirón. Eduardo Estévez.

ao entrar no bar atopou libre
a mesa onda a fiestra
diante da boca do metro
dende alí podería
pensou ao tempo que quitaba
a chaqueta
vela mellor cando saíse
ao frío
facíao a diario e
aproximadamente
á mesma hora
ela aparecía no medio
da multitude
pequena apreixábel
e no medio da multitude
desaparecía
así que sentou a carón da fiestra
faltaban pouco
e pediu un cortado
non despegou a vista
da boca do metro
nin cando abriu o azucre
nin cando o verqueu na cunca
algúns grans brancos
acabaron no prato
algúns
no pano
e pasaron os minutos
devagar coma doenzas
e ela non saíu
e fóiselle facendo
un nó de frío e mágoa
na gorxa
porque xustamente hoxe sentara
na mesa exacta
porque xustamente
hoxe amábaa máis que nunca
e concluíu que o xesto
de agardala todos os días
de vela todos os días
dende lonxe
sumir entre a xente
era proba abondo
de amor
e pensou no equilibrio
e na soidade
e a súa cunca estaba chea
o café frío
cando se levantou
acaroouse á barra
pagou o café que non tomara
e marchou ás présas
para evitar que o visen
chorar na rúa

Estévez, E. , (2008), Construcións.

Xardín Desordenado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *