Un repoludo gaiteiro. Rosalía de Castro.

Un repoludo gaiteiro
Un repoludo gaiteiro,
de pano sedán vestido,
como un príncipe cumprido,
cariñoso e falangueiro,
antre os mozos o pirmeiro
e nas siudades sin par,
tiña costume en cantar
aló pola mañanciña:
-Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Sempre pola vila entraba
con aquél de señorío;
sempre con poxante brío
co tambor se acompasaba;
e si na gaita sopraba,
era tan dose soprar,
que ben fixera en cantar
aló pola mañanciña:
-Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Todas por el reloucaban,
todas por el se morrían;
si o tiñan cerca, sorrían;
si o tiñan lonxe, choraban.
¡Mal pecado! Non coidaban
que c’aquel seu frolear
tiña costume en cantar
aló pola mañanciña:
-Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Camiño da romería,
debaixo dunha figueira,
¡cánta meniña solteira
“Quérote”, lle repetía…!
I el ca gaita respondía
por a todas emboucar,
pois ben fixera en cantar
aló pola mañanciña:
-Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Elas louquiñas bailaban
e por xunta del corrían
cegas…, cegas, que non vían
as espiñas que as cercaban;
probes palomas, buscaban
a luz que as iba queimar,
pois que el soupera cantar
aló pola mañanciña:
-Ò son da miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Nas festas ¡cánto contento!
¡Canta risa nas fiadas!
Todas, todas, namoradas,
déranlle o seu pensamento.
I el que, de amores sedento,
quixo a todas engañar,
cando as veu dimpóis chorar,
cantaba nas mañanciñas:
-Non sean elas toliñas:
non veñan ó meu tocar.

Castro, Rosalía de (1863), Cantares gallegos.

Cristina Fernández

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *