Si a vernos, Marica, nantronte viñeras. Rosalía de Castro.

Si a vernos, Marica, nantronte viñeras
á festa do Seixo na beira do mar,
ti riras, Marica, cal nunca te riches
debaixo dos pinos do verde pinar.

  

Á sombra dos pinos, Marica, ¡que cousas

chistosas pasaron!, ¡que rir toleirón!
Relouca de arriba, relouca de abaixo,
iñamos, viñamos i o bombo… ¡pon!…, ¡pon!

As cóchegas brandas, as loitas alegres,

os berros, os brincos, os contos sin fel,
todiños peneques, alegres todiños…
I a nosa señora detrás do tonel.

                 II

¡Coitada!, ¡que festa brandida perdeche…!

Cantaras, beberas, dormiras, i así
nun feixe miraras rolar xuntamente
mociños e vellos de aquí para alí.

Coa vista trubada, cos ollos dormentes,

sorrindo, comento, pifando e aínda máis,
¡que apertos, que olladas tan chuscas trocaban
as nenas de xenio cos mozos de Cais!

Debaixo dos ricos pareauguas de seda

que abertos formaban un tamaño rodel,
todiños chispados, ¡que cousas dicían!
I a nosa señora detrás do tonel.

                III

Mais ela decote tan grave e soberba,

tan fina de oído, tan curta de mans,
xordiña quedara falando por sete,
con probes e ricos, con porcos e cans.

Meu amo, folgado de tanta largueza,

que n’era costume na dona tal ver,
tamén, ¡miña xoia!, saltando da burra,
¡pin!, ¡pan!, río arriba botouse a correr.

I a dona sorría con ollo entreaberto,

comendo castañas e viño con mel…
¡Que festa, Marica…! Todiños peneques…
I a nosa señora detrás do tonel.

Castro, Rosalía de (1863), Cantares gallegos.

Amancio Prada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *