O cantar de Mari-Pepa. Antón Zapata.
Cantan na rúa os neniños
o cantar de Mari-Pepa,
e, por vel-os, os pardaes
axexan baixo das tellas:
—A serriña, serra,
ti pol-o mar
i-eu pol-a terra.
—Canta, canta, miña rula;
canta, canta, Mari-Pepa,
o cantariño sinselo,
o cantar que sempre empeza:
—A serriña, serra,
tí, pol-o mar
i-eu pol-a terra.
Collen a filaza os nenos
e unha crus fixeron d-ela,
e, mentras un tira aos lados,
o outro tira pr-âs pernas:
—A serriña, serra,
tí, pol-o mar
i-eu pol-a terra.
—Cantemos, cantemos sempre,
nenos da estirpe galega,
o cantar de «Cantaceibe»,
o cantar de Mari-Pepa:
—A serriña, serra,
¡tí, pol-o mar
i-eu pol-a terra!
Zapata, A. (1953). A roseira da soidade.