Hoxe estou en silencio xogando co pasado. Marta Dacosta.

Hoxe estou en silencio xogando co pasado,
mentres vexo chegar andando a miña avó,
que aínda é tan pequena como eu a recordo
e segue alí no vello paseo Afonso XII.
Eran cen escaleiras as que nos separaban,
o mundo da cidade vencido de ruídos
e a praciña de pedra en que aínda hai un pozo
ou a casa pequena da indomable Manuela.
Recupero a memoria de Pepa silenciada
pola peste da gripe cando empezaba o século,
e o misterio da vida en garrafas de barro
e algodón por Gonzalo, que naceu a destempo.
Recupero a friaxe e o sal do mar na noite
e a chalana afogada na outra beira da ría,
á miña nai tirando carbón desde a bufarda
ou atada a unha silla de falar castellano.
E eu sinto que son hoxe tantas que entón me foron,
Saladina, Manueliña, Rosa ou tamén Pepa,
e a mesma Teresa que nos fala incansable
mentres o tempo vai rodando pola tarde.

Dacosta, M., (1998), Setembro.

Se queres escoitar a versión de Xardín Desordenado, preme aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *