A Vaca. Manuel María.
A VACA
A señora Vaca traballa sen tasa
mantén a súa cría dá leite prá casa.
A señora Vaca non dá descansado
tira polo carro e arrastra o arado.
A señora Vaca -ten a cor teixa-
sofre en silencio pro non se queixa.
A señora Vaca vai do monte ao prado
e do prado ao curro con ar resignado.
A señora Vaca é humilde e mansa:
non sei que misterio na súa ollada cansa!
Non sei que misterio nos seus ollos quedos
que semellan feitos de noites e medos!
Manuel María, (1972): Os soños na gaiola