Cantiga pra durmir un neno. Celso Emilio Ferreiro.

Celanova ten un vento,
Celanova un vento ten,
un vento peleriñante,
un vento que vai e ven.
Un vento que máis que vento
é un teimoso roncón
fungando polos tellados
con grave e tristeiro son.
Iste vento vagamundo,
vai coa lúa, ven co sol,
vai cos mozos, ven cos vellos,
vai coa neve, ven coa frol.
Vai coas nubes viaxeiras
por camiños de romaxe.
Ven co pandeiro da chuvia
repenicando a paisaxe.

De día vai cos paxaros
i anda a brincar polas hortas.
De noite ven cos morcegos
i anda a petar polas portas.
Meu neno, non teñas medo,
que iste vento é meu amigo,
i anque rosma polas rúas
non te levará consigo.

Vento que vas á ventura,
¿non ollas cómo che aceno?
Vaite deiquí paseniño,
deixar dormir ó meu neno.
¿Ónde se marchóu mi padre
o ventiño reiseñol,
ventiño de doce gaita,
ónde se foi co seu fol?

O vento atópase canso
do seu constante bulir.
Deitóuse nos piñeirales,
coma nun berce, a dormir.
I o vento que rebulía,
Celanova xa o non ten.
O meu neno está durmido
i o vento durmíu tamén.

Ferreiro, C. E., (1975). Onde o mundo se chama Celanova.

Suso Vaamonde

Mareira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *