Pintura de feira. Florencio Delgado Gurriarán.

Pintura de feira

…”Y el cuadro muestra de un pintor lego
Que acaso hubiera placido al Griego”
VALLE INCLÁN. clave XIV.

Fortes córes enlixan metro e meio de lenzo.
Unhas copras marelas. Unha moza e un cego:
manta vella en farrapos e, na man, un punteiro
có que bate, a miúdo, no pinturado lenzo.
Aldeáns ao redor, a escoitar cal babecos:
-O crime da Penela. ¡Cada copra un cadelo!

Uns ladróns sin entranas. Un ricote labrego.
Un casal isolado. Roubo e crime noxentos.
Mesmo fala aquil cadro. ¡Fai chorar aos penedos!

Córes dór, para os ollos. Rixidez de bonecos
en absurdas posturas. Cintilantes coitelos.
Sangue, sangue, máis sangue, moito sangue, ¡qué medo!

Arrepiantes facianas e revoltos cabelos.
¡O que se vei no cedro fai chorar aos penedos!

Un rapaz degolado nun regueiro sanguento.
Outros catro cadávres ciscados por dous leitos
(dazaséis coiteladas, a catro de promedio):
“Ela”, curta camisa que descobre irto seio,
remeládolos ollos, a boca en mudo berro;
“el”, cirolas de liño, no traseiro un remendo,
regañádolos dentes, de carraxe un aceno;
“as dúas fillas”, coas mans apreixadas aos ferros,
espidas, esforciadas, rabuñádolos peitos
e, por bulra, nas testas, bañados de chapeos.
¡O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!

Un arcaz boca aberta, fonte que deita lenzos.
A ceibalos miúdos de palla de centeio,
en forzado “harakiri”, hai uns xergóns abertos.
Cadeiras polo chao, barcos nun mar hermello.
Un can morto, na loita o sen rabo mordendo.
Nun burato agachada, a rír dos dous bandoleiros,
vendo que non dan coela, anque se volvan lelos,
unha oliña que, din, garda catro mil pesos.
en louras “peluconas” d’El-Rei Calros Terceiro.
¡O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!

Un criado que buxe e ás canelas dá sebo
por uns agros moi verdes, dun verde que dá xenio:
fora a lingua da boca, cal xaruto bermello
a fumegalos folgos do que corre; o cabelo,
coma moura pelica, fai suligras ao ceio;
uns ollos de albaialde con dous puntiños pretos,
-branco vivo onde fixo súa diana o medo-.
Figura que sementan, nos croios do carreiro,
perdamás pra os ladróns as mans de longos dedos
As dúas pernas, que forman, moi xusto, un ango reito,
perderán por lixeiras aos asasinos feros.
A faldra da camisa ronsel azul no vento.
O sangue que lle escoa, no chan ronsel hermello.
¡O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!

Gardas civís: mosquetes, verde-gris e marelo.
O hule dos triconios, do sol é mouro espello.
(O orde con bigodes e contenente esgrevio).
En crudel matrimonio coas cadeas de ferro,
camiñan, antre os gardas, os asasinos feros:
testas como cabazos e xestas por cabelos,
barbazáns e celludos, contienza de babecos.
¡O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!

Audiencia Provincial. Xurado de labregos.
Un púbrico que acena cos puños cara os presos.
(En córes albitrarias, tres dúcias de bonecos).
Longos brazos en outo, en castañola os dedos,
quer bailala muiñeira o abogado dos reos.
O vello Presidente, branco rio no queixo.
Con cara de enxaguados sáin, de antre o fondo preto
das togas, maxistrados con puchos de toureiros.

Unha dona peituda, vende a xustiza a peso
nun cadriño, ben posto, da sáa no testeiro.
¡O que se vei no lenzo fai chorar nos penedos!

A capela. Un frade con ollada de besgo.
Unha crús moi feituca, catro cirios marelos.
Dos reos xunto aos ollos, panos charramangueiros
aparéllanlles bágoas cal pelouros pequenos.
¡O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!

Panos longos e mouros por riba do baliléo.
Borreiros que figuran cumpridos camareiros:
roupa preta e xeitosa, córadiños os beizos,
con olleiras os ollos (mesmamente dan xenio).
Irmás da Caridade. Carceleiros e cregos
O siñor Segredario. Tres veciños. Os reos.
(Baixo un ceio de chumbo todos mouros bonecos)
Antre tanta mourenza, catro trazos bermellos.
¡Catro linguas que fuxen das grabatas de ferro!

¡Co que se vei no lenzo choran ata os penedos!

Delgado Gurriarán, F. (1963), Galicia infinda.

Anxo Rei

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *