Camiño longo. Ramón Cabanillas.
Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
triste e escuro de día…
¡camiño longo
da miña vida !
Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras…
¡vereda torta,
ti onde me levas!
Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas…
¡camiño longo
da miña vida !
Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sen auga;
sen carballos que dean sombra,
nin chouzas que dean pousada..
¡vereda fonda,
ti cando acabas!
Cabanillas, R. (1926), Vento mareiro.