Agora que é Outono, miña amiga. Manuel María.
Agora que é Outono, miña amiga,
miña amante e sinxela compañeira,
habémonos chegar deica a ribeira
onde a brisa deixou unha cantiga.
E que sexa Outono quen nos diga
os segredos que ten a sementeira,
como se foi espindo a carballeira
e que promesas granarán na espiga.
Nós sabémonos puros e cumpridos
ao sentirnos tan un e tan xunguidos
nesta paisaxe lene e musical.
Non lembras, en Outono, xa vividos,
ao río retratar no seu cristal
os soños que coidábamos perdidos…?
Manuel María, (1977), Poemas ao Outono.