Retorno de Ulises. Álvaro Cunqueiro.

Retorno de Ulises

Pende en que pende Penélope pensativa
perde novelo nove novamente canto.
Ese rostro que ás augas envexando
como sorrí tecendo cando o vento:
ás augas como sorrí envexa que tecendo
ese rostro en que pende que amañeza.
Cando o vento o novelo novelovento leva,
–os longos dedos naceron frautas
na boca de Ulises, cando namorado.
Digo que os longos dedos non resisten
os pos do vento que nas oliveiras,
os longos dedos que solprendidos dicen
novelovento, novelo nove pido,
o meu corazón tecendo mar e soño
baixo esa ponte de ignorados ríos.
Ouh, Venus!, onde camiña o fío revoando
que as miñas brancas pernas amorosas,
onde os muíños, onde o vento xira,
canles por onde o vento pasa, pisa?
Dígoche Venus por cómaros valados,
rocas, camiños, pontes, asubíos,
ese fío é un rostro que sorrí tecido:
lembrándome agora estou que no novelo
nove os beizos cando se pregan falan.
Soamente dicen que cando ven a sede
polas celestes pontes desas illas?

Cunqueiro, Álvaro (1980), Herba aquí e acolá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *