Nacemento. Dores Tembrás.
De Romeu e Duarte.
cingue a fosforescencia amor
sílabas que nos abrigan
vagalume ou campá
estiñando a noite
se me dou cega
recoñecerasme no pan?
escintila a ofrenda
igual que as palabras refulxen
ti eras a luz
pálpebra que couta o día
pestanexo que nos sostén
pulso quebrando o escuro
acouga o bater de ás
son corpo ou leite
na ascensión das horas
o teu alento colmado de espigas
na bóveda apincarada de azougue
igual que a cerdeira
incendia o ar por xuño
ti eras a luz
pálpebra que couta o día
pestanexo que nos sostén