Impre(ci)sión. Pilar Pallarés

sentada no café
mentres espero
e a espera é xa unha inércia sen contornos
que me leva a ningures
sentada aqui sen nada
mentres morre un home
falsamente
nunha horrível fita americana
sobre os anos cuarenta
e un soldado abraza unha enfermeira
cos labres incrivelmente ben pintados
en plena guerra
no teito do café rebulen catro moscas
soa fora unha canción tan triste
tras a xanela da pensión máis próxima
estudan pálidas rapazas
medran acensalis nas fendas
das pedras conventuais
e a señardade
é agora tan fosca tan espida a certeza
de ser todo un erro irremediável
de alguén
que non existe

PALLARÉS, Pilar en De amor e desamor II, Sada, A Coruña, Ediciós do Castro, 1985.

César Morán

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *