Xul 172020
 

Maruxiña, xentil Maruxiña,
ti mil penas do peito me tiras,
cando en rolda a mu[i]ñeira bailando
teu corpiño reviras e viras.

Maruxiña xentil, cando bailas,
vas bailando mainiña, mainiña,
vas bailando, bailando, bailando,
vas bailando e parece que fías.

Para tras e p’ra diante volvendo,
vas virando, virando, virando,
teu corpiño moendo, moendo,
e muiñando e remuiñando.

Como os xungos que branden co vento
e do trigo as espigas garridas,
teu corpiño garrido brandea
e túa leve e xentil cinturiña.

Túas xentís cadeiriñas movendo,
vas fiando, fiando, fiando,
teu corpiño moendo, moendo,
teu corpiño xentil peneirando.

Maruxiña, xentil Maruxiña,
ti mil penas do peito me tiras,
cando en rolda a muiñeira bailando
teu corpiño reviras e viras.

Pondal, E. (1886), Queixumes dos pinos.

Melodía composta por Pilar Castillo

Interpretación de Marcos Redondo