Ago 282020
 

Pato, Chus, Carne de Leviatán

Palabras outras
núas desprendidas da árbore
sen traxe de gloria pousaron no lombo dos leviatáns
sen obediencia que son cetáceos brancos
abertas
caídas na mente palabras
de ciencia
as serpes siderais
que eran cíclicas brancas
despregaron a lonxitude máxima

Pato, Chus. (2013), Leviatán

Gelria
Ago 072020
 

“Belas irmás, subide
ás mais firmes rochas

EDITH SÖDERGRAN

Camiñan descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.

Romaní, A., (1994) Das últimas mareas

Nacho Mora
Abr 262020
 

É xa tempo de erguer a Liberdade,
de saír deste noxo e deste abismo
para poñer en alto a dignidade,
a ira, a rebelión, o inconformismo.

É tempo preciso para se alzar,
de enterrar dunha vez a tiranía
e erguer a nosa fe como un cantar
pra traguer a pureza e a alegría.

É o tempo do combate, do clamor,
da afirmación enteira máis baril.
É o tempo do incendio abrasador
baixo este ceo purísimo de abril.

É tempo de ofrendar a propia vida,
de vestir o uniforme de soldado.
É tempo de ir coa fronte erguida
pra facer un mañá esperanzado.

Abril fixo xurdir rosas vermellas,
toxos arnais e estripos feridores.
É tempo de gadañas e de rellas,
de seiturar a traizón, os traidores.

Galiza é, dende agora, chama acesa,
un agromar de papoulas a florir,
unha fouce xigante, unha promesa,
unha vontade absoluta de porvir

Galiza é o empeño máis fermoso,
o pulo transcendente máis cabal,
un ideal vivo, virxe e poderoso,
unha desperta conciencia comunal.

Este é tempo de loita, de xenreira.
É tempo de semente e de colleita.
O tempo de que agrome a Primaveira
pra levantar á Terra tan maltreita!

Manuel María (1989), Abril de lume e ferro.

Versión da Quenlla. Preme aquí para escoitala.