-Escoita: os algoasiles
andan correndo a aldea;
mais ¿como pagar, como, si un non pode
inda paga-la renda?
Embargarannos todo, que non teñen
esas xentes conciencia, nin tén alma.
¡Quedaremos por portas!
¡Meus fillos das entrañas!
¡Mala morte vos mate
antes de que aquí entredes!
Dos probes, ó sentirvos,
os corazós, ¡cal baten tristemente!
-María, se non fora
porque hai un Dios que permia e que castiga,
eu matara eses homes
como mata un raposo a unha galiña.
-¡Silencio! ¡Non brasfemes,
que este é un valle de lágrimas…
!Mais ¿por que a algúns lles toca sufrir tanto,
i outros a vida antre contentos pasan?