- XIV -
Aquel romor de cántigas e risas,
ir, vir, algarear;
aquel falar de cousas que pasaron
i outras que pasarán;
aquela, en fin, vitalidade inquieta
xuvenil, tanto mal
me fixo, que lles dixen:
Ivos e non volvás.
Un a un desfilaron silenciosos
por aquí, por alá,
tal como cando as contas dun rosario
se espallan polo chan.
I o romor dos seus pasos, mentres se iñan,
de tal modo hastra min veu resoar,
que non máis tristemente
resoará quisais
no fondo dos sepulcros
o último adios que un vivo ós mortos dá.
I ó fin soia quedei, pero tan soia
que hoxe da mosca o inquieto revoar,
do ratiño o roer terco e constante,
e do lume o chis chas,
cando da verde pónla
o fresco sugo devorando vai,
parece que me falan, que os entendo,
que compaña me fan;
i este meu corazón lles di tembrando:
¡Por Dios!... non vos vaiás!
¡Que doce, mais que triste
tamén é a soledad!
Aquel romor de cántigas e risas
Posted by admin on Xullo 1, 2009
https://bitaculas.as-pg.gal/literaria/2009/07/01/aquel-romor-de-cantigas-e-risas/
Previous Post
Xa nin rencor nin desprezo
Xa nin rencor nin desprezo
Next Post
A un batido, outro batido
A un batido, outro batido
Comments are closed.