Ría e Mar de Vigo. Mª do Carme Kruckenberg.
A os mariñeiros, meus amigos.
1
Amores de mariñeiro
que son de mar,
e bicos de mariñeiro
que son de sal.
2
No medio da nosa ría
ouvin tocar unha gaita,
érache o vento do mare
o que cantaba na barca.
3
Cortando o verde mare
pasou a barca,
seis mariñeiros queimados
e-a vela branca.
4
E chegades po-la mare
nunha barquiño de vela,
traíndo nos ollos auga,
i-e nos bicos unha estrela.
5
Por ti son estrela,
por ti son escuma,
por ti que non fora
si non toda lume.
6
Si eres fillo do mare
e tés por nai unha estrela,
a cuniña que che mece
e-unha barquiña marela.
7
Co cerco que ten a lua
eiche facer un anelo,
e co-a brétema do mare
o velo do casamento.
8
A brétema entrou na ría
xa non vexo a-o meu amor,
pero sinto moi axiña
bater o seu corazón.
9
Isliña de San Martín
en ti soio vive a fonte,
a fonte dos mariñeiros
onde beben cada noite.
10
Fareiriño encende o faro,
o faro de San Martín,
que xa non vexo na noite
si chego cabo de ti.
11
Non tardes meu amoriño
que-a barca na praia espera,
para sair po-lo mare
botando a rede as estrelas.
12
Isliña de San Martín,
ningúen cantará a cantiga
que ti me cantaches a min.
13
Si tés que ser mariñeiro,
si tés que ser pescador,
vouche a mercar unha rede
pra que pesques un amor.
14
Non quero ser panadeiro
sempre amasa que te amasa,
patrón d-unha barca branca
con un nome de rapaza.
15
Fios de ouro na terra,
fios de prata na mar,
amores de mariñeiro
non rompen co temporal.
16
Non me leves a-o campo
que non ten tesouro,
qu-eu lonxe da praia
de peniña morro.
17
Xa non teño bagoas
pra poder chorar,
gardei os meus ollos
no fondo do mar.
18
Xa non quero mais fareiro,
xa non quero mais penare,
que o mariñeiro feitizo
mírase xa po-lo mare.
19
Na popa do barco
ollando o ronsel,
pensei nos teus beizos
e fúnme a beber.
20
Mariñas azures,
mariñas caladas,
os amores vánse
po-las madrugadas.
21
Os camiños brancos
po-la mare van,
os camiños pretos
debaixo do chan.
22
Fuxindo van os mascatos
pra illa de San Martín,
a galerna ven por fora
mariñeiro de Marín.
23
Brúa a noite,
ferve o mar,
ruxe o ceo,
manda o ár.
24
Xa fuxin d-aldeia
onde tiña o lar…
¡Ven caracoliño
pra sentir o mar!
25
Gaivotas branquiñas
escumas do mar,
levaime no pico
deixarme no lar.
26
Non son rapaza de campo
que son rapaza de mar,
non me des amoras roxas
que ameixas quero xantar.
27
Ría e mar de Vigo
quen te mirará,
barquiño de vela
lévame pra-alá.
28
A estribor luz verde,
luz roxa a babor,
na proa cantando
que o mar e-o mellor.
29
San Adrián mariñeiro,
mariñeiriño no ceo,
cóidame ben a-os rapaces
todo o ano, o ano enteiro.
30
O Cristo de Cangas
mirai como vai,
co-un manto de millo
e un peixe na mau.
31
A punta do cabo d-Home
o-outro día fun pescar,
truxen conmigo unha ameixa,
que grande foi o pescar!
32
Mascatos no ceo
peixiños na ría,
xa temos rapaces
cartiños pro día.
33
As noites de escuro
sardiña no mar,
as de lua chea
son pra toulear.
34
…No río verdugo
pescando topei,
un peixe grandismo
que nunca mirei…
35
Traballar a terra,
traballar,
eu voume xunto da praia
pra navegar.
36
Meu amor mariñeiro,
mariñeiro o meu cantar,
e-a escuma branca gardeina
nas ondiñas do meu lar.
Kruckenberg, M. C. , (2000) Obra poética case completa: 1953-1999