Mai 092008
 

O centenario da morte de Curros Enríquez e do traslado do seu  cadáver embalsamado da Habana á Coruña está a ter pouco eco mediático. Polo de agora tiveron lugar actos de lembranza e reivindicación con este motivo en Celanova, Ferrol e A Coruña. Concretamente, o día cinco de abril, celebrouse unha marcha cívica, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello d´A  Coruña, entre o cimiterio de San Amaro e o monumento a Curros,  obra de Asorei, con significativa participación popular (1000  persoas). Non mereceu a debida atención. O acto foi relegado a un  pequeno espazo das páxinas locais, en contraste coa espaciosa  información sobre a concentración de 50 fascistas reclamando que  non se eliminase a estatua de honra a Millán Astray. Igual ou pior trato mereceu da Radio e a Televisión galegas. A censura total  emborcouse sobre a inauguración dunha exposición pública sobre  Curros e a súa obra na praza do Obelisco, tamén na Coruña, o día  25 de abril, que están contemplando milleiros de persoas. Parece  como se houbese un acordo implícito para manter na marxinalidade  residual o aprezo e coñecemento sobre a nosa literatura, sobre os  nosos clásicos. Cousas do pasado, alén de pasadas de moda, que non merecen excesiva atención nen promoción. Menos convén a súa  actualización e comprobar a súa vixencia. 
 
Que está a pasar? Un simple exercicio discriminador e sectario  contra o que expresa, conflitivamente aínda, con clarividencia, o  mellor da cultura galega histórica, que convén non espallar nen  revitalizar? A consideración españolizante de que a literatura galega, a de antes como a de agora, non pode aspirar máis que á marxinalidade, pois carece de valor? A intención de desprezar  actividades que, malia compromisos institucionais, se considera  que non están dabondo controladas, como para seren do agrado total  da ideoloxía e os poderes dominantes? Cecais unha mestura de todo  explique a forma de proceder dos meios. Porén, provoca máis  escándalo e indignación, cando se trata da Radio Galegae a TVG,  nisto como en tantas outras cousas, unha mímese do modelo informativo español, cando paradoxalmente se xustifican como  instrumentos de promoción da lingua e da cultura de Galiza. Non  lles merecen relevo informativo nen a figura nen a obra de Curros,  un clásico da nosa literatura. Imaxinan vostés aos meios públicos  de España, Inglaterra, Franza ou aos de Catalunya, ignorando ou  minusvalorando os centenarios de Cervantes ou García Lorca,  Shakespeare ou Oscar Wilde, Molière ou Víctor Hugo, Ramón Llull ou Verdaguer, respectivamente? Aquí, entre nós, este comportamento é  posíbel e ben sintomático: hai que afondar aínda máis na  ignorancia, o descoñecemento e a desvalorización do noso. Neste  contexto, cobra aínda máis importancia e resulta máis meritoria a  actuación dos que non se resignan á ocultación e reivindican a vixencia exemplar, neste caso, dun dos nosos grandes clásicos.

Francisco Rodríguez Sánchez

 Posted by at 12:39

Sorry, the comment form is closed at this time.