Vivimos nunha sociedade pouco proclive ao recoñecemento do mérito, cando se trata de pór en valor o propio. No caso do cinema, sabido é que, desde "Sempre Xonxa", apenas se pode falar de que houbese produción galega, orixinal (lingua, director, actores, guionista, produtor, temática…). "Pradolongo" vén recuperar esta tradición tan necesaria, se realmente se quer contar cun cinema que mereza o nome de galego, co conseguinte impulso dunha industria audiovisual, cinematográfica, de nós. A antítese do que, até o de agora, predominou, un cinema español que conta con Galiza como espazo de rodaxe e como administración autonómica da que chuchar subvencións ou axudas. O modelo José Luís Cuerda: un cinema cuxa versión orixinal está en lingua española, con equipa técnica e artística maioritariamente española tamén. "Pradolongo" é un produto digno, concebido como cinema comercial, para conectar coa maioría social, a comezar polos espectadores mozos, que son os principais asistentes ás salas. Amosa un panorama social recoñecibel, na xusta medida crítica en que o gran público é capaz de asumir, sen alienalo, con tendencia construtiva. Certamente, pode ser acusado de recorrer a certos estereotipos, de ficar nunha certa codia que impide afondar máis na realidade social, para non asumir posíbeis desenlaces dramáticos ou tráxicos latexantes na historia. Inevitábel, cando se desexa comunicar esperanza, malia a destrución ou o fracaso. Alguén pode botar en falla máis risco nas formas expresivas, ás veces moi pendentes dos telefilmes ou do cinema convencional. Pero estas técnicas recoñecíbeis, nalgunha ocasión rudimentarias, non fanan achádegos extraodinarios como moitos primeiros planos dos protagonistas, algunhas visións da paisaxe con tonalidades captadas maxistralmente e mesmo usos simbólicos do mundo animal. Os actores e actrices, algúns deles non profisionais, dan mostra dunha capacidade encomiabel, cun uso lingüístico dialectal, pero non acastrapado, natural. A maiores da parella protagonista,Rubén Riós e Tamara Canosa, temos que subliñar a naturalidade, que non prescinde da expresividade, do actor afeccionado, Roberto Porto, que fai de fillo do empresario pizarreiro, e da actriz,Cristina Rodríguez, tamén afeccionada, que fai de moza desinibida sexualmente. Magnifica tamén,Mela Casal, no seu papel de nai labrega, como Gonzalo Rei Chao, no papel de pai, e Carlos Sante, no de fillo que traballa na pizarra. É un filme entretido e alentador dunha consciencia sobre nós mesmos. Sería unha bendizón podermos ver todos os anos cinema deste tipo, feito por nós e para nós, intelixíbel tamén noutras latitudes, precisamente pola súa afervoada entrega aos seres humanos de sociedades concretas, diferentes. Representa a plasmación do direito a expresármonos artística, cinematograficamente, na nosa lingua. Por certo, "Pradolongo" lémbranos tamén a aspiración á normalidade de usos do noso idioma, aspecto no que o filme non pode ser realista, senón precisamente exemplar e prospectivo, incitador a un uso, a unhas normas sociais diferentes. Parabéns a todos os que fixeron posíbel o filme, a comezar polo seu director e produtor (Ignacio Vilar). A resposta dos espectadores foi moi positiva, malia atrancos e silencios de hostilidade dos que se opoñen a que Galiza sexa unha nación normal. A forza está na nosa sociedade e en quen acredita nela. Ánimo!!
Mai 142008
Sorry, the comment form is closed at this time.